Resis Festival

CONCERTO
DÉSERTS
Banda Municipal
Xoves 20 de ABRIL — 20:00H
Teatro Colón
COLOQUIO: JOSÉ TRIGUEROS + NOÈ RODRIGO + CARME RODRÍGUEZ
ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO
PROGRAMA

A cova sumerxida*[2017]
Carme Rodríguez


Percussion Concerto** [2002]
Brett William Dietz


Déserts [1950-54]
Edgar Varèse


*Estrea da versión revisada
**Estrea en Galicia
EQUIPO ARTÍSTICO

MÚSICA | Banda Municipal A Coruña
Director invitado | José Trigueros
Percusión solista | Noè Rodrigo

Un ano máis, a Banda Municipal da Coruña participa dentro da programación oficial do Festival RESIS. Nesta ocasión ten como director invitado a José Trigueros, director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia, e como solista de percusión a Noè Rodrigo.

O programa do concerto inclúe 3 obras: a estrea da versión revisada da nova compositora ribadense CARME RODRÍGUEZ, A COVA SUMERXIDA, que se inspira na lenda popular da sirena Maruxaina; a estrea en España de PERCUSSION CONCERTO, do percusionista e compositor BRETT WILLIAM DIETZ, unha obra composta para percusión solista que consta de tres movementos moi diferentes entre si e de alto nivel emocional. E, por último, a obra que dá nome ao concerto, DÉSERTS, de EDGAR VARESE, unha das máis emblemáticas do compositor francés, que a define como un retrato “non só a os desertos físicos de area, mar, montañas e neve, senón tamén ao espazo interior de todos os desertos que a xente pode atravesar”.

JOSÉ TRIGUEROS
Director Asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia desde a tempada 2019-2020, cargo que ocupará ata 2026, José Trigueros pertence a unha xeración de músicos españois que deron o salto á dirección orquestral tras unha extensa traxectoria profesional como instrumentistas.

Convidado con frecuencia pola Nova Orquestra Nacional de España, sendo o seu director asistente e estando á fronte da Academia de Música Contemporánea, Trigueros dirixiu durante as últimas tempadas formacións como a Orquestra Nacional de España, a Orquestra Sinfónica de RTVE, Orquestra Ciudad de Granada, Orquestra de Valencia, Orquestra Sinfónica de Navarra ou a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares, entre outras. En 2016 foi seleccionado polo mestre David Zinman para participar nunhas clases maxistrais xunto á prestixiosa Tonhalle Orchester de Zúric.

Ao longo da súa carreira traballou como director asistente de mestres como Pablo Heras-Casado, Dima Slobodeniouk ou Alberto Zedda.

Formado nos conservatorios de Valencia e Ámsterdam na especialidade de percusión, José Trigueros comezou os seus estudos de dirección de orquestra da man do mestre Bruno Aprea e posteriormente ampliounos no Conservatorio de Bruxelas con Patrick Davin.

NOÈ RODRIGO
Percusionista especializado en música contemporánea que, en paralelo á súa carreira como solista, desenvolve un importante labor como docente e colabora con diferentes ensembles e orquestras ao redor do mundo.

Foi convidado a algúns dos festivais máis importantes de Europa como o Festival Printemps deas Arts de Monte-Carlo, Festival Internacional de Música e Danza de Granada, ou o Festival Internacional de Edimburgo, no que actuou como solista coa Scottish Chamber Orchestra, xunto ao pianista Pierre-Laurent Aimard e Matthias Pintscher.

Así mesmo, ofreceu concertos en Francia, Holanda, Reino Unido, Suíza, EEUU e España, actuando no Palau da Música Catalá, Usher Hall de Edimburgo, Muziekgebouw Ámsterdam, Fundación Juan March, L’Auditori (xunto á Banda Municipal de Barcelona), Teatro Monumental (xunto á Orquestra da RTVE), o ADDA en Alacante e a Fundación Luís Seoane na Coruña, durante o Festival RESIS, entre outros. Participou tamén nos ciclos de concertos organizados por AiE e Mocidades Musicais de España.

Rodrigo foi galardoado con varios premios en concursos nacionais e internacionais, obtendo o primeiro premio no Concurso Permanente de Mocidades Musicais 2015 e o premio especial da European Union of Music Competitions for Youth. Tamén foi galardoado na TROMP International Percussion Competition Eindhoven, co premio Willem Vos.
Traballa con compañías de teatro musical en España, Holanda e Suíza e é percusionista habitual do Asko|Schönberg ensemble. Colabora con Slagwerk Dean Haag, Royal Concertgebouw Orchestra, Nederlands Philharmonisch Orkest, Orquestra Sinfónica de Galicia e Bilbao Orkestra Sinfonikoa, entre outras agrupacións. É un educador moi apaixonado e combina a súa actividade concertística coa realización de clases maxistrais e cursos de perfeccionamento. En agosto de 2018 formou parte do tribunal do Eurovisión Young Musicians Competition 2018, celebrado en Edimburgo. É catedrático interino do Conservatorio Superior de Música de Castela e León e profesor asociado do Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares.

Noè Rodrigo inicia os seus estudos musicais en Altea, a súa cidade natal, para máis tarde ingresar no Conservatorio Superior de Música de Aragón. Tras graduarse, realizou estudos de máster no Conservatorium van Amsterdam. Formou parte da European Union Youth Orchestra, Lucerne Festival Academy Orchestra, Nova Orquestra Nacional de España, entre outras orquestras novas.