Resis Festival

CONCERTO
SÓ HAI HORIZONTE
Sinfonietta OSG
mércores 03 de maio — 20:00H
Teatro Rosalía de Castro
 
ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO
Programa

Ramifications [1968]
György Ligeti


Só hai horizonte** [2023]
Juan Vara + Manuel del Río


**Estrea absoluta
Equipo artístico

MÚSICA | OSG SINFONIETTA
Director | José Trigueros
Recitador | CARLOS ÁLVAREZ-OSSORIO
Poemas | Xavier Seoane
Film  | Manuel del Río
Fotografía | FRANCISCO PILLADO GONZÁLEZ, SCHMIDT DE LAS HERAS, JOSÉ VÁZQUEZ PAZ, JOSÉ VILLAR MARTELO, VARI CARAMÉS, JOSÉ CARUNCHO, XURXO GÓMEZ-CHAO, XOÁN PIÑÓN, JUAN RODRÍGUEZ
RELATORA | Chus Álvarez

O desembarco do RESIS no Teatro Rosalía de Castro prodúcese da man da prestixiosa Sinfonietta da Orquesta Sinfónica de Galicia cun programa único composto por dúas obras e dirixido por José Trigueros, director asociado da OSG.

A primeira, RAMIFICATIONS, de György Ligeti, converterase na primeira vez que escoitemos ao compositor no RESIS. No centenario do seu nacemento, o festival quere ter presente a un dos compositores máis importantes do século XX.

A segunda peza é SÓ HAI HORIZONTE, unha creación que aglutina música, cinematografía e poesía. Cunha selección de versos do poeta, narrador e ensaísta Xavier Seoane e un conxunto de imaxes dos fotógrafos Francisco Pillado González, Schmidt de las Heras, José Vázquez Paz, José Villar Martelo, Vari Caramés, José Caruncho, Xurxo Gómez-Chao, Xoán Piñón e Juan Rodriguez, o compositor Juan Vara presentou a súa idea ao cineasta Manuel del Río, configurando unha montaxe fílmica (en tres movementos) onde a música é fusionada coidadosamente cos poemas recitados e as fotografías tratadas cinematograficamente.

Todo isto conforma unha experiencia inmersiva -visual e sonora- netamente atlántica na que o personaxe poético regresa por mar, despois dun longo tempo ausente, a súa Galicia natal, percorrendo e lembrando algúns espazos fundamentais do seu pasado ata acadar a plenitude consoladora e definitiva.

JUAN VARA realizou estudos musicais nos conservatorios superiores da Coruña e Vigo, ampliando e perfeccionando a súa formación fundamentalmente co compositor catalán Josep Soler. En 1987 foi membro fundador da Asociación Galega de Compositores, da que presentou a súa dimisión e baixa en xaneiro de 2023. En 1991 foi invitado ao II Congreso Nacional de Compositores, no que participou coa relatoría “La composición en el mundo actual”. É autor de obras pianísticas, de cámara e orquestrales, e recibiu encargos, entre outros, da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Fundación SGAE/AEOS, a Real Filharmonía de Galicia e o Grupo Instrumental Siglo XX. Dende outubro de 1990 ata outubro de 2020 foi profesor no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

A creación audiovisual do realizador galego MANUEL DEL RÍO caracterízase por un enfoque interdisciplinario no que dialogan as artes, a literatura e a música, como amosa o seu filme documental Correspondencias Sonoras (2013) ou a súa curtametraxe No resplendor do día (2014); este último, parte do Proxecto Nimbos; así como a mediametraxe Enrique X. Macías. A lira do deserto (2020). Os seus traballos audiovisuais foron proxectados en certames e festivais como son[UT]opías 2013 (Auditorio Abanca), Cineuropa 2013 (CGAC), Festival FILMADRID 2015 (La Casa Encendida), ou RESIS Festival 2019 (Fundación Luís Seoane), ademais de estar dispoñibles nas plataformas dixitais FILMIN e IN-EDIT TV.