A palabra túnel ten a súa orixe no francés antigo tonelle (dela deriva o noso “tonel”), e servía para referirse a unha rede en forma de embude que se empregaba para capturar paxaros. Ás veces, no interior dun túnel aínda nos podemos sentir como tales, como aves enredadas con dificultades para alzar o voo.
PASAX3S é unha obra sobre o tránsito, sobre a necesidade e os riscos de desprazarse emocional, física e mentalmente máis alá dun mesmo e sobre a incerteza do proceso.
Propoñemos unha experiencia sonora e visual de configuración variable capaz de poñernos na situación de quen ten transitado na escuridade do incerto para chegar a un lugar que ao mellor non é o esperado. Porque sempre agardamos que no camiño entre estados acabemos por experimentar do outro lado ben a liberdade ben a fraternidadem pero esquecemos a posibilidade da alienación e da máxima estrañeza como finais altamente probables.
PASAX3S é unha reflexión sobre a idea do tránsito e das expectativas que se xeran no proceso. Unha obra circunscrita a un túnel creado expresamente para o seu desenvolvemento. Unha experiencia sensorial na que as expectativas deben deixarse necesariamente en suspenso. Recomendamos, se hai tempo, repetir o percorrido para enfrontar o sentido global da peza.