A IX Edición do RESIS rende homenaxe ao compositor Morton Feldman, figura fundamental da creación musical da segunda metade do século XX, coincidindo co 100 aniversario do seu nacemento.
Neste contexto, o festival articula unha programación que conflúe entre a música contemporánea, a arte sonora, a performance e a reflexión arredor do son, poñendo en valor o talento emerxente galego. A través de estreas absolutas, propostas de nova creación e a participación de solistas e agrupacións de recoñecido prestixio como Gallaecia Ensemble, Kea Vocal Ensemble, Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, Arxis Ensemble, Luna Celemín, Christian Camino, Marco Maril ou Juan Lesta, RESIS constrúe un espazo de encontro entre diferentes xeracións e linguaxes. Así mesmo, o festival reafirma a súa dimensión sinfónica con dous proxectos desenvolvidos xunto á Real Filharmonía de Galicia e á Orquestra Sinfónica de Galicia, nos que se abordarán algunhas das obras máis relevantes da creación musical contemporánea.
Niño de Elche e Héctor Cavallaro son os artistas en residencia desta edición, na que presentarán un proxecto de nova creación arredor da figura de Morton Feldman en colaboración con Arxis Ensemble. A programación complétase cunha nova videocreación de Lois Patiño, artista convidado do festival. Pola súa banda, RESIS LAB e A Proxección Sonora consolídanse como espazos didácticos, inclusivos e de formación, orientados a novos creadores procedentes de diferentes países.