Iannis Xenakis (Braila, Rumanía, 1922- París, 2001) considerábase a si mesmo un ‘artista-mosaico’ debido á intervención na súa obra de disciplinas científicas, artísticas e filosóficas. Este sábado gozaremos de dúas das súas pezas máis coñecidas para violonchelo: Nomos Alpha, composta entre 1965 e 1966, e Kottos, de 1977, que serán interpretadas polo violonchelista Thomas Piel de Vertixe Sonora coa colaboración de Millán Abeledo da Real Filharmonía de Galicia.
O escritor e crítico musical Paco Yáñez (Santiago de Compostela, 1974) conducirá esta charla-concerto na que afondará nos diversos aspectos da biografía de Xenakis, desde o seu labor como compositor ata o seu interese pola enxeñería e a arquitectura, pasando polo seu compromiso político e polo contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade.